Saturday 04 de May de 2024

As mocións socialistas para rexeitar a censura na cultura e ratificar os acordos do Foro Cívico serán asumidas por todas as forzas políticas como declaracións institucionais


Este xoves 27 celebrarase o primeiro pleno ordinario do mandato no que o Grupo Municipal Socialista levará a pleno ademais unha moción para opoñerse ao traslado da farmacia de Marrozos ao Outeiro do Castiñeiriño.
Tamén preguntará polo acordo coa Deputación para a rehabilitación da Casa da Xuventude e instará a dar continuidade ao plan do anterior goberno para crear 200 apartamentos de alugueiro para estudantes.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023. O Grupo Municipal Socialista levaba ao debate plenario da que será a primeira sesión ordinaria da Corporación unha proposición para facer de Compostela un “muro de contención” ante a “onda de censura reaccionaria que a extrema dereita está aplicando contra o sector cultural alí onde goberna”. Tamén en forma de moción, explica Gonzalo Muíños, instábase ás demais forzas a ratificar os acordos acadados co Foro Cívico, nos que se fixan como prioridades do mandato o novo contrato da auga, a mobilidade no CHUS e a vivenda. Ambas serán finalmente asumidas como declaracións institucionais por todos os grupos da corporación.

Muíños parabenizouse de ter chegado a este acordo antes da sesión plenaria co que “conseguimos poñer o foco nas cuestións que realmente importan, como son os servizos ou a liberdade de expresión artística”. “Pero non só” explicou esta mañá o portavoz dos socialistas, que quixo poñer o foco en outras cuestións que o PSdeG levará ao próximo pleno como o rexeitamento ao peche da farmacia de Marrozos para o seu traslado ao Castiñeiriño e “que deixaría desatendidas a 6.000 persoas”: “queremos que todos os nosos compañeiros e compañeiras de Corporación fagan súa a reivindicación da veciñanza á que representamos, e que di non a este peche”.

Tamén o acordo entre Concello e Deputación para que a entidade provincial asuma o custo maioritario da rehabilitación e mantemento da Casa da Xuventude será un dos temas que os socialistas levarán ao pleno, co obxectivo de saber cales son os plans do actual goberno ao respecto, “xa que vemos como as leas internas do bipartito poderán por en risco unha subvención de un millón de euros” recalcou Muíños.

E en materia de vivenda, o Grupo Municipal Socialista levará unha moción para que o bipartito lle dea continuidade aos plans do anterior goberno de crear 200 apartamentos de alugueiro para estudantes en colaboración coa Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago. Unha proposta para a que a USC xa amosara a súa disposición.